Saltar al contenido

A asociación

A Asociación Cultural A Pinguela de Bama nace no ano 2017 nesta mesma parroquia do concello de Touro co obxectivo de impulsar o Entroido dos Xenerais da Ulla celebrado no lugar, e dinamizar a vida social e cultural da parroquia e da súa contorna. Na actualidade un dos seus principais eixos de traballo é unha escola de música e baile tradicional que funciona no concello de Touro.

Aquí podes ler a súa primeira publicación na páxina de Facebook, onde se explica como nace a asociación e cal é a orixe do seu nome (unha fonte que hai na parroquia). A palabra «pinguela», vén recollida na RAG como:

  1. Fío de auga que mana dunha rocha.
  2. Cano ou billa por onde verte auga unha fonte.

Con este mesmo propósito, a asociación leva a cabo na actualidade diferentes actividades para que ese fío de auga non desapareza, e siga a verter no tempo.

Con este cadro de Blanca Millán a asociación homenaxeou aos gaiteiros de Bama que amenizaban as festas nos tempos dos nosos avós.

Cadro de Blanca Millán para homenaxear aos vellos gaiteiros de Bama.

Ese 6 de outubro do ano 2017, na I Foliada de Bama, foi un día de moitas emocións. Como mostra este vídeo:

Hoxe

E por último, que está facendo hoxe en día a asociación?

  • Manter unha escola de música e baile tradicional no concello de Touro
  • Poñer en marcha o proxecto «Dende a cociña», para recoller e poñer en valor o patrimonio inmaterial dos concellos de Touro e O Pino por medio de:
    • Recollas colaborativas a persoas informantes vinculadas con estes concellos, implicando ao alumnado dos colexios e á poboación en xeral.
    • Actividades formativas (obradoiros nos colexios con Rebeca Tallón, un obradoiro sobre como realizar recollas con Xulia Feixoo e unha mesa redonda).
    • Proxección do documental Dorothé na Vila.
    • Divulgación do material recollido para que sexa coñecido pola veciñanza e perdure no tempo.

Colabora

Se queres colaborar co proxecto «Dende a cociña» ou coa asociación, le máis na súa páxina e contacta con nós.