- 649930245
- acapinguela@gmail.com
Comprácenos compartir convosco o cartaz da VI Morada de Bama!
A Morada comezará ás 6 da tarde, cando abre as súas portas o espazo de artesanía. A esa hora comezará o espectáculo infantil “Rilo e Penadique” e tamén estarán dispoñibles os xogos da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional para que xoguen os cativos en familia. Actividades ofrecidas coa colaboración da empresa Deleite.
Se queres aproveitar a Morada de Bama para aprender o básico do baile solto e desenvolverte nunha foliada non perdas o obradoiro que impartirá Alex Martínez ás 7 da tarde.
Ás 8 da tarde comezarán as actuacións da morada, con seis grupos chegados de diferentes puntos de Galicia ademais dos grupos da escola da Pinguela. Actuarán
Brincadeira de Carbia (Vila de Cruces)
Silva Verde (Castiñeiriño, Compostela)
A Fonte de Merlán (Palas de Rei)
Arrancadeira (Pobra do Caramiñal)
A Pinguela de Bama (Touro)
E rematarán as actuacións programadas co espectáculo do grupo de Vedra A Requinta da Laxeira, actuación enmarcada dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
No medio das actuacións realizaranse varios sorteos con produtos doados por algúns dos nosos patrocinadores.
Por último, foliada aberta onde calquera persoa ou grupo poderá saír a tocar para que a luz do día nos pille bailando!
Todo isto conducido por Lito de Arzúa, coñecido humorista do Luar, que será o encargado de presentar os diferentes grupos cun bo toque de humor e retranca.
A cantina xestionada pola asociación ofrecerá bebida e bocadillos a prezos populares. E, como novidade, este ano como teremos a Pulpería Constante de Silleda para os que queiran cear un bo polbo á feira.
Medo á chuvia? Iso non é un problema. A nosa ampla carpa fará que te esquezas dunha hipotética chuvia e que só penses no importante: pasalo ben.
Ves de lonxe? Non te preocupes, reservaremos unha zona para acampada, con espazo para tendas, furgos e caravanas.
No ano 2022 a foliada que organizamos pasou a denominarse a “Morada de Bama”. As pescudas realizadas no marco do proxecto “Dende a cociña” sacaron á luz este termo, “morada”, para referirse a uns bailes que se facían en varias parroquias da zona de Touro a comezos do ano. Normalmente comezaban a finais de xaneiro, cando xa medraban algo os días, e duraban ata o Entroido.
Estas festas tiñan lugar os domingos pola tarde ao longo de varias semanas e nelas tocaba un grupo de gaiteiros, pagado co diñeiro que recadaban os mozos cando saían a cantar a Panxola e os Reis durante o Nadal.
Temos documentado a realización de moradas nas parroquias de Bama e Loxo (en Touro) e tamén na parroquia da Lavacolla (Compostela) ata os anos 60-70. Para non perder este termo (que non se recolle con este significado nos dicionarios) asociación organiza esta VI Morada de Bama, “a foliada de sempre con nome propio”.
Queremos agradecer aos patrocinadores institucionais (Concello de Touro e Deputación da Coruña), á empresa Deleite e a todos os establecementos locais que colaboraron coa asociación para facer posible unha nova edición da foliada.