
A IX Morada comezará ás 6 da tarde do sábado 9 de maio de 2026. A partir desa hora e ata as nove estarán dispoñibles os xogos tradicionais de Somos Enredos SL. Así os máis cativos poderán brincar en familia a xogos como o salto á corda, a rá, a chave, o tres en raia, con zancos, futbolín, carreiras de sacos, billar, canicas…
Se queres aproveitar a Morada de Bama para aprender o básico do baile solto galego (muiñeira e xota) e desenvolverte nunha foliada, non perdas o obradoiro que impartirá a nosa mestra Rebeca Tallón tamén ás 6 da tarde. Non fai falta inscrición.
Ás 7 da tarde comezarán as actuacións da morada, con cinco grupos chegados de diferentes puntos da nosa contorna, ademais dos grupos da escola da Pinguela. Actuarán
As do 20 (Arca, O Pino)
Axóuxeres de Cornado (Cornado, Touro)
No Deloiro (Lestedo, Boqueixón)
A.C Escola Vivantes (Compostela)
Embruxo Gaiteiros (Ordes)
A Pinguela de Bama (Touro)
E por se fora pouco, xa a media noite seguirase bailando cos concertos dos grupos Pan Sen Fron (que repiten en Bama despois de catro anos) e Comando Curuxás. Actuacións enmarcada dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
No medio das actuacións realizaranse varios sorteos con produtos doados por algúns dos nosos patrocinadores locais.
Para rematar, foliada aberta onde calquera persoa ou grupo poderá saír a tocar para que o abrente do do día nos pille troupeleando! Como dicían en Moscoso:
Somos da Pinguela
vimos do serán,
cantaban os ghalos
ás seis da mañá.
A cantina xestionada pola asociación ofrecerá bebida e bocadillos a prezos populares. E, outro ano máis, contaremos coa Polbo e Churrasco, da man de Salgueiro da Muíña.
Como novidade, este ano faremos queimada co seu conxuro e poderás levar un vasiño de barro de recordo.
Medo á chuvia? Iso non é un problema. A nosa ampla carpa fará que te esquezas dunha hipotética chuvia e que só penses no importante: pasalo ben.
Ves de lonxe? Non te preocupes, reservaremos unha zona para acampada, con espazo para tendas, furgos e caravanas.
E se es máis refinado, poderás atopar aloxamento en O Pedrouzo (Arca, O Pino) a só 2 km da festa (algo bo tiña que ter que pase o Camiño tan preto!).
No ano 2022 a foliada que organizamos pasou a denominarse a “Morada de Bama”. As pescudas realizadas no marco do proxecto “Dende a cociña” sacaron á luz este termo, “morada”, para referirse a uns bailes con gaiteiros que se facían en varias parroquias da zona de Touro a comezos do ano. Normalmente comezaban a finais de xaneiro, cando xa medraban algo os días, e duraban ata o Entroido.
Estas festas tiñan lugar os sábados ou domingos pola tarde ao longo de varias semanas e nelas tocaba un grupo de gaiteiros, pagado co diñeiro que recadaban os mozos da parroquia (os panxoleiros) cando saían a cantar a Panxola e os Reis durante o Nadal.
Temos documentado a realización destes bailes coa denominación de “moradas” nas parroquias de Bama e Loxo (en Touro) e tamén na parroquia da Lavacolla (Compostela) ata os anos 70. Para non perder este termo (que non se recolle con este significado nos dicionarios) asociación organiza esta IX Morada de Bama, “a foliada de sempre con nome propio”.
Queremos agradecer aos patrocinadores institucionais (Concello de Touro e Deputación da Coruña), a todos os establecementos locais e a veciñanza de Bama e socios da asociación que colaboraron connosco para facer posible unha nova edición da foliada.
En breve publicaremos a lista de patrocinadores locais.