Home » Cantiga de berce – O Pedro Chosco

Cantiga de berce – O Pedro Chosco

  • por

O día de Noiteboa do 2021 publicamos a nosa primeira recolla, coa intención de felicitarvos o Nadal dende o noso proxecto e dende a asociación.

A peza escollida foi unha cantiga de berce, tamén chamado arrolo, que o noso compañeiro Anxo recolleu da súa avoa Divina Pacheco Sánchez, nada na parroquia de Loxo e que vive actualmente en Bama (Touro).

É unha cantiga que ela aprendeu da súa nai e que usaba para adormecer aos meniños e meniñas da familia. A letra é a seguinte:

 “ Ei vén o Pedro Chosco,
 por riba da porta,
 decíndolle ás nenas
 que pousen a roca.
 Ei vén Antón,
 decíndolle que non,
 que sigan fiando
 pró seu maletón.” 

Para que quede todo claro, o “Pedro Chosco” é unha maneira popular de referirse ao sono, que pola noite nos vén buscar a todas. E un “maletón” é outro xeito de chamarlle ás enaguas.

Un último apunte, de maneira totalmente casual atopamos outra versión desta cantiga no libro titulado “A aventura de oír, contar e ler” editado pola Xunta de Galicia no ano 2002 e coordinado por Blanca-Ana Roig Rechou. Incluímos tamén aquí o texto do libro:

 “Aí vén Pedro Chosco
 por debaixo da porta
 dicíndolle ás nenas
 que pousen a roca.
 E vén Antón
 e dilles que non
 que fíen as nenas
 para o seu camisón.” 

Deixámosvos o vídeo de Youtube coa nosa recolla.

E aquí outro arrolo que comparte parte da letra cantado por Mini Rivas:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *