Entrada: O país das mil foliadas

Inicio
Blogue
Nova

Nos últimos anos vemos un auténtico florecer de foliadas por todo o país, e iso é bo porque a nosa música e baile tradicional mantéñense vivas no día a día das persoas, non só coma o recordo do pasado, nun arquivo, ou nunha representación folclórica enriba dun escenario.

As persoas que asistimos ás foliadas somos tamén as súas co-creadoras, non espectadores, ou clientes, ou consumidores pasivos. Somos parte activa, cantando, tocando, bailando e, algunhas veces, tamén organizando as foliadas.

En outubro do ano 2017 organizamos a primeira foliada en Bama (Touro). Foi un vento moi humilde, organizada por xente nova de Bama e algunhas amizades e veciños froito dun proxecto xuvenil de Iniciativa Xove. Aínda temos amigos que lembran hoxe a maxia daquela noite! Foi un encontro auténtico, sen grandes infraestruturas nin pretensións, só xuntarnos, homenaxear aos vellos gaiteiros de Bama e pasalo ben. E a xente participou, e gustoulle, e repetiu, e van alá IX edicións (as últimas xa co nome de morada).

As festas grandes están ben xa que son un lugar de encontro de xente afín coas que non cadras no día a día. Son importantes, pois ao final axudan a un intercambio de coñecemento (pezas, toques, letras, melodías, puntos, instrumentos, grupos…) e tamén de experiencias. Estes eventos físicos axudan tamén a tecer e fortalecer relacións sociais no mundo real, cara a cara, máis alá do ambiente tóxico, vixilante e mercantilista que impera nas plataformas de contidos que abundan no Internet de hoxe.

As festas e foliadas grandes están ben, fan falta que haxa unhas cantas, pero non moitas. Pero o importante, son esas foliadas pequenas. O importante é que haxa unha foliada pequena en cada parroquia, onde as veciñas e veciños se poidan xuntar, e arredor da música e o baile divertirse, relacionárense de maneira directa, sen intermediarios tecnolóxicos, sen pantallas. Escoitándose, acompañándose, coñecéndose. Deberamos ter cada semana polo menos unha foliada sen ter que desprazarnos máis de vinte minutos.

Galiza é o país dos mil ríos, pero tamén é, e pode seguir sendo, o país das mil foliadas. Unha morea delas, ciscadas por aquí e por alí, como fractais. Moitas foliadas pequeniñas, repartidas por todo o territorio, e despois algunhas medianas e outras máis grandes. Como unha gran rede distribuída e descentralizada, onde o que flúe por elas son as persoas, a cultura e os momentos e as emocións compartidas.

Que así sexa!