Entrada: Comentario dunha recolla con perspectiva de xénero no día do 25-N

Inicio
Blogue
Nova

Análise con perspectiva de xénero dunha recollida do proxecto Dende a cociña

A equidade de xénero é considerada por moitas e moitos unha materia pendente no mundo das recollidas. Pese ao traballo que na actualidade se desenvolve a través de iniciativas individuais e colectivas, non é doado atopar unha análise dos materiais recollidos que contemple a perspectiva de xénero, e que garanta a transmisión da memoria colectiva do noso pobo sen perpetuar a opresión que se destila das narrativas, músicas e tradicións que a conforman.

Co fin de conmemorar este 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, gustaríanos partillarvos dúas historias recollidas na aldea de O Campo, en Budiño (O Pino). Estas chegan a nós a través de Celsa Caneda Castro, que gardou estas historias na súa memoria dende que as escoitou por primeira vez cando era nova, probablemente, nunha feira (onde conta que podían mercarse), e que nesta ocasión llas conta ao seu neto, Nicolás Suárez Martínez, alumno do CPI Camiño de Santiago e autor da recollida.

A protagonista da primeira historia é unha muller, unha moza nova e con moitas cualidades que por tratar de escoller á persoa axeitada (ou mesmo por medo a quedar soa), convida a máis dun mozo á mesma festa. A narración conclúe expoñendo que “ter unha muller na casa éche tan peligroso coma ter unha bombona que respire polo corcho”, xa que “por querer escoller, quedan sen nada”. Mais non, non falan do perigo que supón ser muller nunha sociedade patriarcal, falan do “perigo” de que dita muller, por querer exercer a súa liberdade de escoller con quen quere (ou non) compartir a súa vida, poida estragar a reputación da familia.

E podémolo contrapoñer á historia seguinte: o protagonista, Manolo do Campo, aparece con sete mulleres na casa, e, sen embargo, ningunha reputación se ve afectada máis que a súa propia ao non poder exercer o seu papel de provedor e deixar morrer ás súas mulleres de inanición (cabe preguntarse como é que as sete mulleres morreron á fame e el segue forte coma un buxo). Pero non é sequera unha perda de reputación completa, senón que é entre o xénero feminino onde se lle deixa de considerar un potencial marido, non temos ningunha referencia de que existise un rexeitamento social xeral, e o máis posible é que non o houbera. Debería semellar ciencia ficción para nosoutras, porén, non somos as mulleres tratadas con menos respecto por exercer libremente a nosa sexualidade e vida sentimental? Non deixan moitos homes de considerarnos dignas dunha relación formal pola cifra de persoas coas que se coñece algún encontro romántico ou sexual? Paradoxicamente non acontece o mesmo no xénero oposto: unha conquista sexual reforza a reputación masculina (no caso da segunda historia, sete), por aquilo que tamén arrastramos dende séculos atrás, de que as mulleres non somos titulares de desexo, en contraposición á figura masculina hexemónica, que non pode non desexar.

Por outra banda, están os conceptos de violencia e maltrato, dous termos moi amplos que con frecuencia son relacionados única e automaticamente coa agresión física e, nalgúns casos, mesmo sexual. Se tomamos a primeira historia como exemplo, vemos que a protagonista defende a actuación dos seus agresores cunha frase que se repite dúas veces ó longo da narración: “a min non me pegaron nin me maltrataron”. Pero, é isto así? Non é o “mal trato” todo aquilo que non é “bo trato”? É bo trato a humillación pública? É bo trato manipular e mutilar o corpo doutra persoa contra a súa vontade? Acaso non é violencia arrebatarlle a alguén as súas posesións máis prezadas? Pois é, é maltrato, sen tela violado; é violencia, sen terlle deixado un ollo morado. Con todo, considérano así as autoridades? Non acaba, senón a vítima, no cárcere? Que acontece con Manuel do Campo cando deixa morrer sete mulleres, e asasina unha última por rexeitalo? Si, estamos falando da burra coa que tenta casar Manuel; é frecuente atopar na tradición popular de países de todo o mundo, referencias animais a determinados sectores da sociedade. En Portugal, por exemplo, empregan o termo “cabritinha” para referírense ás mulleres mestizas ou “mulatas” (termo que deriva, á súa vez, da animalización). É por isto que, a non ser que alguén conseguise alfabetizar unha exemplar da especie Equus asinus x Equus caballus, o máis probable é que sexa unha licenza literaria para referirse a unha muller de baixa clase social ou reputación, como puidera ser considerada unha muller mestiza neste contexto sociotemporal, a quen non lle permitiran mesmo a entrada no templo do lugar.

Poderiamos seguir fiando un concepto con outro con tan só catro frases destas historias, poderiamos sacar ducias de conclusións en canto á moral das accións que se describen nas historias, máis, nun día coma hoxe, coido que o máis importante é actuar. Precisamos de que cada quen faga a súa listaxe de “cousas que facer” fronte ás violencias machistas e ás desigualdades de xénero, de que a xente se interese por aprender, por informarse, por non caer nos retrousos da desinformación que minan o traballo das demais, precisamos que os homes sexan os nosos aliados, non os nosos inimigos, pois neles tamén está a responsabilidade de camiñar por unha sociedade equitativa e xusta para tódolos xéneros. Convidámosvos a transmitir a tradición dun xeito respectuoso coas xeracións pasadas, pero tamén coidadoso coas presentes e futuras, pois nos coidados radica a base desta revolución. A tradición facémola nós, é dinámica, maleable, evoluciona co seu pobo; unha tradición que non nos represente a todas, todos e todes e que non contemple a diversidade non debería merecer o nome de tradición.

Andrea Mosquera Alfonso

25 de novembro de 2024

Transcrición da recolla