O ano pasado oímos que en Santirso de Cornado (Touro) no ano 2022 recuperaron a festa do Día das Fillas de María. Unha festividade de carácter relixioso que se celebra noutros lugares de Galicia como Xove (nova LVG), Portor en Negreira, Simes (Meaño), Santa Uxía de Ribeira, Toba en Cee, Canda en Piñor e mesmo no Ayuntamiento de Huerta de Valdecarábanos (Toledo). Na parroquia de Bama, en Touro, coñecemos tamén que se celebraba unha festa similar denominada o “Día das Flores” na cal se expoñía a imaxe da Virxe María dentro da igrexa e os nenos e nenas de parroquia recitábanlle uns versos que aprendían as semanas anteriores.
Arrredor do ano 2007, o noso compañeiro Anxo Tato, descubriu esta festa por medio da súa veciña Dorinda Rocamonde e un ano en Bama na catequese tamén se prepararon uns versos á Virxe e celebrouse este día como se facía antigamente. Froito de conversas coa tamén veciña da aldea de Castro Claudina Souto Vázquez, esta compartiu co noso compañeiro Anxo un libro mecanuscrito de gran valor patrimonial. Un libro de “Poemas á Virxe”, que ela levaba dúas décadas custodiando na súa casa e cedeu desinteresadamente para que os nenos e nenas da parroquia puidesen aprender eses versos.
Este libro, que compartimos hoxe na rede con todos os internautas, contén máis de cen páxinas de poemas e diálogos en galego e castelán adicados á Virxe María, oracións, gravados de corte relixioso, estampas de virxes e santos da contorna de Vedra e tamén algunhas fotografías. En total son 170 os textos que o cura Armindo Iglesias recompilou e publicou o 30 de maio de 1989 en Vedra. Segundo o prólogo do propio autor, algunhas pezas son da súa autoría e outras recollidas de aquí e de alí. Nalgunha delas podemos ver nomes de lugares coñecidos por nós como Beseño e Calvos (parroquias de Touro).
Entrevista a María do Carmen Santiso Curros
A continuación compartimos unha entrevista realizada a Maria do Carmen Santiso Curros da parroquia de San Tirso de Cornado, Touro, sobre a festividade das Fillas de María que recuperaron no ano 2022. Queremos agradecer á súa filla Alba por facer de intermediaria e mandarnos as respostas e tamén a Aida de Cornado por poñernos en contacto con elas.
P. Poderías contarme en que consiste esta festa das Fillas de María?
R. Dise que o mes de Maio é o mes da Virxe , por iso se lle fai esta festa, na honra da Virxe María. As Fillas de María eran todas as mozas solteiras da aldea e encargábanse de organizala e aprenderlle aos nenos e nenas as poesías que logo lle recitaban ese día.
P. Tedes constancia de que se celebrase noutras parroquias da contorna de Santirso de Cornado?
R. En Calvos o día da Ascensión celebrábanlle a mesma festa. En Fao era o cuarto domingo de Maio. E en Novefontes o día do San Xorxe.
P. Quen participaban nela? Só rapazas/nenas/mulleres ou tamén os nenos?
R. Por carácter xeral era unha festa que organizaban as mozas solteiras da aldea. Elas encargábanse de organizar a festa e ensinarlle aos nenos e as nenas as poesías que logo lle recitaban á Virxe.
Unha das mozas era a presidenta, que ata que se casaba era sempre a mesma, e logo cando contraía matrimonio elixíase a outra para o seu lugar. A presidenta tamén se encargaba de recoller as esmolas para pagar as misas. As Fillas de María era como unha sociedade, e cada moza daba unha axuda, se despois iso non chegaba para pagar o día da festa pasábase a bandexa pola igrexa para que coas esmolas que daban pagar a misa.
P. Había en Cornado un código de vestimenta para ese día?
R. A vestimenta das Fillas de María eran vestidos brancos cunhas coroas na cabeza. Daquela algunhas nenas doaban os vestidos da súa primeira comuñón para esta festa.
P. Parece que teñen un papel importante os versos que se lle recitan á Virxe. Polo que vos contan as informantes, quen escribía eses versos? Era invención dos nenos? Había algo escrito de antes? Veñen da tradición oral?
R. Os versos facíanos mulleres e mozas de Cornado, tamén algunhas mestras, unha delas da Ponteledesma. Os versos sempre se fixeron por escrito, pero viñan de tradicións pasadas, xa da época dos avós de miña nai se recollían estes versos. A súa avoa naceran no 1888 e daquela xa había esta tradición.
P. Sabedes a lingua na que se recitaban os versos? Eran só en galego, só en castelán ou podían atoparse nos dous idiomas?
R. Os versos habíaos tanto en galego como en castelán
P. Recentemente Anxo, compañeiro da Pinguela, compartiu convosco o libro denominado “Libro Poemas á Virxe” de Armindo Iglesias, un libro que lle cedeu Claudina Souto Vázquez, unha veciña de Bama, libro editado en Vedra no ano 1989 que recolle un gran conxunto de poemas do Día das Flores ou Día das Fillas de María que o autor compuxo e recolleu en diversos lugares. Puidestes botarlle un ollo a esta publicación? Que opinión vos merece?
R. Pois de momento non tiven a sorte de poder botarlle un ollo a ese libro, cousa que me gustaría moito xa que paréceme que recolle quen somos, as nosas tradicións e que fan que non se perdan
P. Esta festividade algúns autores relacionando con cristianización de festividades pagás da chegada da primavera, como son os maios. Cal cres que é a relación entre estas festas? Tes coñecemento de que se fixera na vosa zona algún rito pagán non vinculado ao cristianismo para celebrar a chegada da primavera como os maios?
R. A festa das Fillas de María e os Maios si están relacionados xa que o mes de Maio en Cornado coñecíase como o mes das flores e adicábase á Virxe María. Era o mes no que todo empezaba a florecer, era o mes no que remataban os invernos duros e as labranzas empezaban a dar. É dicir, era riqueza labrega. Relaciónabase o bo coa Virxe María, de aí o seu nome, o mes da Virxe, o mes das flores.
P. Que futuro lle ves á esta festa?
R. Pois as cousas hai que ir empezándoas de novo, e retomándoas. O malo que vexo é que agora vivimos tan rápido que non hai tempo de ensinarlle aos nenos os versos como antes. Antes dábanselles en abril os versos e traballábase na festa con ilusión durante meses. Agora xa bastante fan con facelo no pouco tempo libre que teñen os que participan, que teñen moito mérito e non deixan perder as tradicións