Entrada: Temos novos traxes!

Inicio
Blogue
Nova

Hai un ano contabámosvos con alegría que mercaramos catro traxes de gala. Pois agora, un ano despois, comprácenos compartir convosco que chegaron outros tantos! Así, pasamos a ter un vestiario propio modesto pero moi cuco, xa de oito traxes de gala, catro de home e catro de muller, que nos permitirán afrontar as actuacións vindeiras.

Outro ano máis, decidimos confiar a confección dos traxes á costureira Mercedes López Pascual, con dilatada experiencia cosendo para diversas formacións de música e baile tradicional ao longo de todo o país. A Mercedes, que ten o seu obradoiro en Maceda, podedes seguila virtualmente en Facebook e Instagram. O seu usuario é @mouramlp.

Este investimento non podería ser posible sen o apoio da Deputación da Coruña, que resolveu favorablemente a nosa solicitude na Convocatoria FO214, do programa de subvencións a corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato da provincia da Coruña, para a realización de investimentos culturais durante o ano 2023.

Se formas parte dunha asociación cultural da provincia e non coñeces ou non sabes como solicitar estas axudas, pregúntanos sen medo e explicarémosche encantados como tramitar esta subvención. Pero non agardes moito! Xa que a convocatoria do 2024 saíu máis cedo e o prazo de solicitude xa remata o 15 de decembro de 2023

Para acompañar a publicación, como non podía ser doutro xeito, deixámosvos as fotos destas xoias que con tanto agarimo nos confeccionou Mercedes.

Traxe tradicional galego de gala de muller
Traxe tradicional galego de gala de muller
Traxe tradicional galego de gala de home

Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

Investimento cultural en vestiario realizado no ano 2023 co apoio da Deputación da Coruña mediante a convocatoria FO214.