Entrada: Novos investimentos: vestiario de gala

Inicio
Blogue
Nova

Ata o máis pequeno dos obxectos cotiáns pode converterse nun elemento chave para descifrar o xeito no que se facían as cousas nun tempo pasado. Coma se dun crebacabezas se tratara, cada elemento que se desempoa dunha hucha, cada caixa que se baixa dun faiado, vai compoñendo unha imaxe máis nítida da nosa tradición. A vestimenta, poderíamos dicir, é unha desas peciñas que colocas e, de xeito instantáneo, fai que todo encaixe.

Este ano, decidimos que era hora de investir no noso patrimonio cultural tanxible co apoio da Deputación da Coruña, que resolveu favorablemente a nosa solicitude na Convocatoria do programa de subvencións a entidades de música e baile tradicional galego da provincia da Coruña, para a realización de investimentos culturais durante o ano 2022. Agora a A.C. A Pinguela conta con catro réplicas de traxes de gala completos, dous masculinos e dous femininos, seguindo a tradición da zona.

A confección dos traxes é obra da costureira Mercedes López Pascual, con dilatada experiencia cosendo para diversas formacións de música e baile tradicional ao longo de todo o país. Mercedes ten o seu obradoiro en Maceda mais podedes seguila virtualmente en Facebook e Instagram. O seu usuario é @mouramlp.

Estes traxes, como se pode apreciar nas imaxes, conteñen tódalas partes esenciais (saias, camisas, mandís, enaguas, pololos; chaleques, faixa, pantalón, polainas, cirolas…) que se vestían nas datas máis sinaladas, e que serán empregadas polas socias e socios da asociación en espectáculos, actuacións e demáis actividades nas que se lles poida dar visibilidade e poñer en valor.

Investimento cultural en vestiario realizado no ano 2022 co apoio da Deputación da Coruña mediante a convocatoria FO214.