Entrada: V Morada de Bama

Inicio
Blogue
Nova

O sábado 7 de maio de 2022 terá lugar a quinta edición desta foliada en Bama, no concello de Touro, a tan só 20 minutos de Santiago de Compostela.

Cartel da V Morada de Bama

Despois de dous anos de parón, a Asociación Cultural A Pinguela de Bama retoma de novo na súa parroquia do concello de Touro a súa foliada anual. Será este sábado 7 de maio de 2022 cando se xunten no campo da festa de Bama os dez grupos que conforman o cartel deste ano, varios grupos de concellos veciños e tamén, chegados dende A Coruña, Pan Sen Fron, que pechará as actuacións programadas. Ao remate haberá foliada libre na que calquera grupo que o desexe poderá subir ao escenario para alongar a festa e que o torreiro non pare de bailar.

Esta V edición a foliada vén con novidades, xa que a festa pasa a chamarse a “Morada de Bama”. A orixe deste nome vén duns bailes que se facían en varias parroquias da zona de Touro a comezos do ano. Estas festa formaban parte do ciclo anual e continuaban o ciclo do Nadal, xa que o diñeiro que recadaban os mozos cando saían a cantar a Panxola e os Reis (en Noiteboa e a véspera de Reis) se destinaban a pagarlle aos gaiteiros que tocaban nas moradas.

As pescudas realizadas no marco do proxecto “Dende a cociña”, que lanzou a asociación no ano 2021, sacaron á luz este termo, “morada” para referirse a estas festas ou foliadas. Estas tiñan lugar os domingos pola tarde ao longo de varias semanas, tantas como dese o diñeiro xuntado pola mocidade da parroquia durante o Nadal. Normalmente comezaban a finais de xaneiro, cando xa medraban algo os días, e duraban ata o Entroido. Polo de agora, a equipa de Dende a cociña documentou a realización de moradas nas parroquias de Bama e Loxo (no concello de Touro) e tamén na parroquia da Lavacolla ata os anos 60-70. Para non perder este termo (que non se recolle con este significado nos dicionarios) asociación decide organizar esta V Morada de Bama, “a foliada de sempre con nome propio”.

As actuacións da morada comezarán ás 20:30 e son as seguintes:

  • 20:30 Grupos de pandeireta infantil e adultos iniciación da Pinguela.
  • 20:55 As Nenas do Sapo Dourado
  • 21:20 A Reviravolta
  • 21:45 O Bringuelo
  • 22:10 Vai Nela
  • 22:35 Santiaguiños de Boimorto
  • 23:00 Pena do Corvo
  • 23:25 Silandeira
  • 23:50 Embruxo Gaiteiros
  • 00:15 Grupos de pandeireta intermedio e gaita da Pinguela
  • 01:00 Pan Sen Fron (Pandeireteiras sen Fronteiros)

Pero a festa comeza antes. Ás 18:00 estará a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional que levará diferente xogos para que os nenas e nenas, e tamén os maiores, brinquen coa mostra de xogos populares que levarán a Bama. Despois, ás 19:30 comezará un obradoiro de baile tradicional que impartirá o veciño de Touro e mestre Marcos Botana, para que os máis despistados aprendan os puntos básicos para bailar en calquera foliada (e morada!), e para que os que xa saben algo entren en calor para non parar en toda a noite.

Antes da última actuación tamén se celebraran uns sorteos para que os máis afortunados non marchen para as súas casas coas mans baleiras. Rifaranse tres cestas de produtos de alimentación típicos galegos, un vale de desconto de 30 € na Zapatería Zocos, unha pandeireta de Sanín, unha sulfatadora doada por Agrovet e un vale de desconto de 120 € en Talleres Bama.

Haberá carpa para tornar o frío. Tamén contarán con cantina, ofrecendo bebida e comida a prezos populares, e un posto no cal poder mercar merchandaising da asociación (camisetas, bolsas de algodón e mochilas).

Por último, a asociación quere agradecer a colaboración de todos os patrocinadores. Tanto aos establecementos e negocios locais que nos apoiaron (que podedes velos no cartaz), como ao concello de Touro e á Deputación da Coruña.

Como chegar

Agardámosvos en Bama (Touro) o día 7 de maio!

Imaxes dunha edición pasada.