O día de Noiteboa do 2021 publicamos a nosa primeira recolla, coa intención de felicitarvos o Nadal dende o noso proxecto e dende a asociación.
A peza escollida foi unha cantiga de berce, tamén chamado arrolo, que o noso compañeiro Anxo recolleu da súa avoa Divina Pacheco Sánchez, nada na parroquia de Loxo e que vive actualmente en Bama (Touro).
É unha cantiga que ela aprendeu da súa nai e que usaba para adormecer aos meniños e meniñas da familia. A letra é a seguinte:
“ Ei vén o Pedro Chosco, por riba da porta, decíndolle ás nenas que pousen a roca. Ei vén Antón, decíndolle que non, que sigan fiando pró seu maletón.”
Para que quede todo claro, o “Pedro Chosco” é unha maneira popular de referirse ao sono, que pola noite nos vén buscar a todas. E un “maletón” é outro xeito de chamarlle ás enaguas.
Un último apunte, de maneira totalmente casual atopamos outra versión desta cantiga no libro titulado “A aventura de oír, contar e ler” editado pola Xunta de Galicia no ano 2002 e coordinado por Blanca-Ana Roig Rechou. Incluímos tamén aquí o texto do libro:
“Aí vén Pedro Chosco por debaixo da porta dicíndolle ás nenas que pousen a roca. E vén Antón e dilles que non que fíen as nenas para o seu camisón.”
Deixámosvos o vídeo de Youtube coa nosa recolla.
E aquí outro arrolo que comparte parte da letra cantado por Mini Rivas: